AEDIGAL participa na xornada estatal de sustentabilidade de Plena inclusión España

25 de Setembro de 2026

O presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia e de AEDIGAL, Eladio Fernández, participou o pasado 24 de setembro na xornada “Sostener para avanzar”, organizada por Plena inclusión España e FADEMGA, onde reivindicou que a sustentabilidade das entidades pasa por manter ás persoas no centro, e compartiu a súa visión da sustentabilidade que vai máis alá da viabilidade económica.

Neste se ntido, destacou a importancia de que as familias sigan sendo parte activa das organizacións, non só como destinatarias dos servizos, senón tamén participando na toma de decisións e na definición do futuro das entidades. Tamén puxo o foco na necesidade de aumentar o protagonismo das propias persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento na gobernanza das organizacións que existen para apoialas.

Desde a súa dobre responsabilidade á fronte de FADEMGA e AEDIGAL, subliñou que a sustentabilidade debe entenderse de forma ampla, combinando a solidez económica coa preservación  dos valores e da identidade que deron orixe ao movemento asociativo.

O presidente advertiu de que os retos económicos, tecnolóxicos e laborais non deben facer esquecer o esencial: “soster non é manter estruturas, senón conseguir que o proxecto siga tendo sentido para as persoas e as familias que o fixeron posible”.

A súa intervención concluíu cun chamamento a conservar a esencia do movemento asociativo ao tempo que se promove a adaptación e o cambio necesarios para continuar ofrecendo respostas útiles ás persoas con discapacidade intelectual e ás súas familias no futuro.

No marco desta mesma xornada, o vicepresidente de AEDIGAL, Javier García, foi o encargado de presentar e entregar os recoñecementos da sección de Prácticas Exemplares nas categorías de “Coidado das persoas e desenvolvemento de equipos” e “Calidade”. Os galardóns foron para FUTUCAM e ASPACE Bizkaia, respectivamente, en recoñecemento ás súas boas prácticas e ao seu compromiso coa mellora continua.

A participación de AEDIGAL neste encontro reforza o seu compromiso cun modelo de organización sostible, centrado nas persoas, na participación das familias e na calidade dos apoios prestados.

 

 

 

 

 

Máis noticias

O presidente de AEDIGAL acompaña a ASPANANE na inauguración do seu novo fogar residencial pioneiro

O presidente de AEDIGAL, Eladio Fernández, acudiu á inauguración do novo Fogar Residencial de…

Ler máis

FADEMGA e Plena inclusión España organizan unha xornada sobre estratexias para fortalecer as entidades sociais

FADEMGA Plena inclusión Galicia e Plena inclusión España abriron o prazo de inscrición para a…

Ler máis

A Secretaria Xeral de Emprego visita AEDIGAL e FADEMGA para coñecer os retos e oportunidades da inclusión laboral en Galicia

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2026. A secretaria xeral de Emprego da Xunta de Galicia,…

Ler máis