Quen somos?
A Asociación Empresarial para a Discapacidade Intelectual e do Desenvolvemento de Galicia (AEDIGAL) é un faro de esperanza e progreso na nosa comunidade. Fundada o 16 de decembro de 2020, AEDIGAL é unha organización empresarial sen ánimo de lucro, promovida por FADEMGA Plena inclusión Galicia e con actuación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
A nosa misión
En AEDIGAL, traballamos incansablemente para reivindicar, defender, representar e xestionar os intereses económicos e socio-laborais das empresas que nos integran. A nosa misión vai máis aló: tamén representamos a nivel colectivo, buscando unha mellora continua para as empresas vinculadas, integradas e afíns ao tecido asociativo galego en favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.
O noso alcance
Aínda que desenvolvemos a nosa actividade principalmente no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, temos a vista posta onde sexa preciso, segundo os intereses dos nosos asociados: a nivel nacional, europeo ou internacional.
As nosas comisións sectoriais
AEDIGAL conta con tres comisións sectoriais que traballan arreo para determinar necesidades, obxectivos e propostas de acción relacionadas co sector da discapacidade intelectual e do desenvolvemento galego:
1.Servizos Sociais
2.Emprego
3.Educación.
SAÚDO DO PRESIDENTE
Dámosvos a benvida a AEDIGAL, unha organización empresarial que nace coa convicción de que o sector da discapacidade intelectual e do desenvolvemento é clave para construír unha Galicia máis xusta, cohesionada e con futuro.
Desde AEDIGAL traballamos para representar, fortalecer e dar voz ás entidades empresariais do sector, defendendo os seus intereses comúns e promovendo un marco estable que faga posible un emprego digno, sostible e de calidade. Cremos nun modelo empresarial comprometido coas persoas, coa innovación social e coa responsabilidade colectiva.
Como patronal, asumimos o reto de impulsar o diálogo social, a cooperación institucional e a profesionalización do sector, apostando pola mellora continua, pola eficiencia na xestión e polo recoñecemento do valor económico e social que achegan as nosas entidades á sociedade galega.
AEDIGAL é un espazo de encontro, de reflexión e de acción compartida. Un lugar desde o que sumar esforzos, anticipar retos e construír respostas colectivas aos desafíos presentes e futuros.
Con esta web queremos achegarvos á nosa actividade, aos nosos valores e ás persoas e entidades que fan posible AEDIGAL. Convidámosvos a coñecernos, a compartir camiño e a seguir avanzando xuntos e xuntas.
Eladio Fernández
Presidente de AEDIGAL

XUNTA DIRECTIVA

Presidente: ELADIO FERNÁNDEZ PÉREZ – En representación de Agasfra
Vicepresidente: ANTONIO JAVIER GARCÍA SÁNCHEZ – Designado por FADEMGA
Secretario: J. MANUEL ROBERTO CARBALLO CABEZAS – Designado por FADEMGA
Tesoureiro: JUAN JESÚS FONTELA PÉREZ – En representación de Aspronaga
Vogal: MARIO PILLADO MON – En representación da Fundación Eu Son
Vogal: Mª CARMEN GONZÁLEZ LAGARÓN – Designada por FADEMGA
Vogal: MANUEL VILARIÑO QUINTÁNS – En representación de Aspas Emprego S.L.
Vogal: Mª ELENA SANTOS COCIÑA – En representación de Aspanane
Vogal: FRANCISCO JAVIER RODRÍGUEZ GONZÁLEZ – En representación de Aspanas
ENTIDADES SOCIAS DE AEDIGAL

31
ENTIDADES
1458
TRABALLADORES/AS
88
CENTROS DE TRABALLO

31
ENTIDADES
1458
TRABALLADORES/AS
88
CENTROS DE TRABALLO
ALIANZAS CON OUTRAS ORGANIZACIÓNS
No 2022 AEDIGAL confirmou a súa alta como membro na Confederación de Empresarios de Pontevedra.
AEDIGAL, en calidade de organización empresarial que defende os intereses dos centros especiais de formación e emprego, residencias, vivendas tuteladas, centros de día e centros ocupacionais dos que son titulares as entidades ás que representa, solicitou no 2022 a súa integración na Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP).
De forma paralela á solicitude de integración, Jorge Cebreiros e Eladio Fernández, presidentes da Confederación e de AEDIGAL, respectivamente, asinaron un convenio de colaboración que ten como principal finalidade, intercambiar e compartir información, co fin de poñer en coñecemento das súas empresas e organizacións integradas as actividades e proxectos de interese mutuo.
Como parte desta cooperación, darase a coñecer o labor social de AEDIGAL á vez que se informará da importancia de integrar na contorna empresarial a persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento. Cabe lembrar que entre as funcións de AEDIGAL, destaca a xestión adecuada da diversidade, para lograr unha integración laboral dos usuarios sen menoscabo da rendibilidade económica e social.
Ademais, a nosa patronal informará e asesorará ás empresas interesadas en contratar a persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento ou con risco de exclusión social das subvencións, bonificacións e axudas dispoñibles. Fará o propio coas existentes para a formación e adaptación ao posto de traballo deste colectivo.
O convenio asinado por ambas entidades tamén contempla a elaboración de programas formativos e de inserción laboral, ou a promoción de proxectos de interese común financiados con fondos estatais, autonómicos ou locais. A Confederación, pola súa banda, facilitará a difusión das actividades de AEDIGAL promovendo a súa presentación a outras asociacións xa integradas, para expor sinerxías e colaboracións entre elas.
No 2023 AEDIGAL confirmou a súa alta como membro na Confederación de Empresarial de Ourense (CEO).
AEDIGAL, en calidade de organización empresarial que defende os intereses dos centros especiais de formación e emprego, residencias, vivendas tuteladas, centros de día e centros ocupacionais dos que son titulares as entidades ás que representa, solicitou no 2023 a súa integración na Confederación Empresarial de Ourense.
De forma paralela á solicitude de integración na CEO a Xunta Directiva de AEDIGAL mantivo unha xuntanza para a presentación e primeira toma de contacto coa Confederación de Empresarios de A Coruña -CEC-. A patronal da discapacidade intelectual prosegue no camiño de ter representación nas patronais provinciais galegas e así lograr peso específico nos espazos de decisión empresariais de ámbito autonómico.
AEDIS participa directamente na negociación do Convenio colectivo xeneral de centros e servizos de atención a persoas con discapacidade, de ámbito nacional,
e acorda co resto de interlocutores sociais marcos xerais de referencia de relacións laborais e convenios colectivos, apoiando ás asociacións empresariais socias nos seus procesos de negociación de convenios colectivos autonómicos e ás súas entidades nas negociacións particulares de convenios de empresa.
Durante o 2023 a Asociación Empresarial para la Discapaciad (AEDIS), ratificou en Reunión de Asemblea Xeral a alta de AEDIGAL como patronal autonómica galega. A comezos do 2024 a xerente da patronal estatal visitou Galicia para explicar as vantaxes de pertencer a AEDIS e os servizos dos que poden dispoñer.
No ano 2025 AEDIGAL adheriuse como entidade colaboradora na Rede Eusumo, estrutura de colaboración impulsada pola Xunta de Galicia para o fomento e o desenvolvemento da economía social.
A Rede Eusumo procura o fomento do espírito emprendedor prestando apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social, poñendo a disposición das persoas e entidades interesadas, medios para o emprendemento (especialmente no inicio de proxectos empresariais) e impulsando o modelo empresarial no ámbito local a través de accións de formación, divulgación e asesoramento para o autoemprego neste sector.
Vantaxes de pertencer a Rede Eusumo:
- Acceso a información, formación, orientación e asesoramento no ámbito cooperativo e de economía social.
- Acompañamento e asesoramento en proxectos empresariais cooperativos e de economía social.
- Información sobre tecnoloxías da información e comunicación así como o impulso da I+D+i e do traballo en rede.
- Apoio na comercialización e internacionalización das entidades de economía social, promovendo encontros internacionais e transfronteirizos para o intercambio comercial e a cooperación empresarial.
- Acceso a análises e estudos en temáticas de interese para a economía social, así como para o desenvolvemento local.
RELACIÓNS INSTITUCIONAIS
AEDIGAL é membro da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) e da Asociación Empresarial para la Discapacidad (AEDIS).
No ano 2025 D. Antonio Javier García Sánchez, Vicepresidente de AEDIGAL, foi elixido como membro da Xunta Directiva de AEDIS.
Ademáis, D. Eladio Fernández Pérez, Presidente de AEDIGAL, foi nomeado vogal na Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).
Por outra parte, en 2025 foi aprobada a adhesión de AEDIGAL á Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a Economía social, e foi proposta para a formalización do correspondente convenio de colaboración.
COLABORACIÓNS E APOIO TÉCNICO
FADEMGA Plena inclusión Galicia xoga un papel esencial no nacemento, consolidación e proxección de AEDIGAL como patronal galega da discapacidade intelectual e do desenvolvemento.
Foi desde o impulso do movemento asociativo liderado pola federación desde onde se fixo posible dar resposta a unha necesidade largamente identificada polo sector: contar cunha organización empresarial propia, forte e representativa no ámbito autonómico.
AXUDAS RECIBIDAS

Kit dixital
AEDIGAL resultou beneficiaria da convocatoria do Kit Dixital “Posto de Traballo Seguro” para a modernización informática da entidade, recibindo 1000 € de subvención e contando co apoio da empresa MICROMEDIA S.L. como axente dixitalizador. Ser beneficiaria desta axuda facilitaralle á patronal un progreso significativo nos seus niveis de madurez dixital e permitiralle avanzar na dixitalización de áreas chave como é equipamento informático de última xeración.

Programas de Cooperación da Xunta de Galicia
AEDIGAL foi beneficiaria da convocatoria de axudas TR352A/25 da Xunta de Galicia, unha iniciativa destinada a apoiar a contratación de persoas en entidades sen ánimo de lucro que desenvolven programas e actuacións de carácter social. Esta liña de subvencións está orientada a reforzar o labor das organizacións que traballan en ámbitos como a inclusión social e laboral, a atención ás persoas con discapacidade, ás persoas maiores, ás familias, á infancia e adolescencia, á igualdade e aos colectivos en situación de vulnerabilidade.
Actuación subvencionada pola Xunta de Galicia ao abeiro do programa TR352A/25.

Novas
23 de Outubro de 2026
Oferta de emprego en AEDIGAL
En AEDIGAL precisamos incorporar un/unha Técnico/a Administrativo/a (75% xornada) — contrato de 1…
21 de Outubro de 2026
O presidente de AEDIGAL acompaña a ASPANANE na inauguración do seu novo fogar residencial pioneiro
O presidente de AEDIGAL, Eladio Fernández, acudiu á inauguración do novo Fogar Residencial de…
25 de Setembro de 2026
AEDIGAL participa na xornada estatal de sustentabilidade de Plena inclusión España
O presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia e de AEDIGAL, Eladio Fernández, participou o pasado…
















































