O presidente de AEDIGAL acompaña a ASPANANE na inauguración do seu novo fogar residencial pioneiro

21 de Outubro de 2026

O presidente de AEDIGAL, Eladio Fernández, acudiu á inauguración do novo Fogar Residencial de Aspanane en Xove, un recurso innovador que ofrecerá 50 prazas para persoas con discapacidade intelectual e que destaca por ser un modelo pioneiro baseado en seis unidades de convivencia que recrean un ambiente de fogar.

O acto reuniu a representantes institucionais, entre eles a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, o delegado da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro e a alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde e a presidenta da Fundación Amancio Ortega, Flora Pérez Marcote, pero tamén a familias e profesionais, poñendo en valor un proxecto polo que Aspanane leva traballando máis de quince anos e que foi financiado integramente pola Fundación Amancio Ortega cun investimento de 14 millóns de euros.

A directora da entidade, Elena Santos Cociña, definiu a nova infraestrutura como un fito histórico para a asociación: “Para a Fundación Amancio Ortega e para as empresas que participaron na construción pode ser unha obra máis, pero para nós, para Aspanane, é ‘a obra’, a nosa obra”.

Desde AEDIGAL queremos trasladar o noso recoñecemento a Aspanane polo esforzo e a perseveranza demostrados ao longo de todo o proceso, así como destacar o valor da colaboración entre entidades sociais, administracións públicas e iniciativa privada para facer posibles proxectos transformadores como este.

Para AEDIGAL, a apertura deste recurso representa un exemplo de boas prácticas e unha mostra do camiño que debe seguir o sector: servizos innovadores, centrados na persoa e orientados a garantir o dereito das persoas con discapacidade a vivir con dignidade, autonomía e inclusión ao longo de toda a súa vida.

Imaxe de Roberto Berdini – El Ideal Gallego.

Máis noticias

AEDIGAL participa na xornada estatal de sustentabilidade de Plena inclusión España

O presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia e de AEDIGAL, Eladio Fernández, participou o pasado…

Ler máis

FADEMGA e Plena inclusión España organizan unha xornada sobre estratexias para fortalecer as entidades sociais

FADEMGA Plena inclusión Galicia e Plena inclusión España abriron o prazo de inscrición para a…

Ler máis

A Secretaria Xeral de Emprego visita AEDIGAL e FADEMGA para coñecer os retos e oportunidades da inclusión laboral en Galicia

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2026. A secretaria xeral de Emprego da Xunta de Galicia,…

Ler máis