A Secretaria Xeral de Emprego visita AEDIGAL e FADEMGA para coñecer os retos e oportunidades da inclusión laboral en Galicia

5 de Agosto de 2026

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2026. A secretaria xeral de Emprego da Xunta de Galicia, Susana Pérez Iglesias, visitou hoxe as oficinas de AEDIGAL (Asociación Empresarial para a Discapacidade Intelectual de Galicia) e FADEMGA Plena inclusión Galicia para coñecer de primeira man o traballo que ambas organizacións desenvolven na promoción da inclusión social e laboral das persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento.

Durante a xornada, a representante autonómica mantivo un encontro co presidente de AEDIGAL e FADEMGA Plena inclusión Galicia, Eladio Fernández; co presidente de CERMI Galicia, Ramón Sestayo; co xerente de FADEMGA, Manel Fernández; e co coordinador da Área de Emprego e Formación de FADEMGA, Manuel Carrillo.

A reunión permitiu abordar os principais avances e desafíos que afronta o sector da discapacidade intelectual no ámbito laboral, así como analizar as oportunidades que ofrecen a formación e as políticas activas de emprego para mellorar a empregabilidade e favorecer a inclusión laboral das persoas con máis necesidades de apoio.

Neste contexto, AEDIGAL destacou o papel que desempeñan os centros especiais de emprego de iniciativa social e as entidades asociadas na creación de oportunidades laborais adaptadas, contribuíndo á xeración de emprego de calidade e ao desenvolvemento de itinerarios personalizados que favorecen a autonomía e a participación plena das persoas con discapacidade intelectual.

Pola súa banda, FADEMGA Plena inclusión Galicia puxo en valor o traballo do movemento asociativo na defensa dos dereitos das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias, así como a necesidade de seguir avanzando en políticas públicas que garantan a igualdade de oportunidades e a inclusión en todos os ámbitos da vida.

Ao longo do encontro, as dúas entidades coincidiron en subliñar a importancia da colaboración entre as administracións públicas e o terceiro sector como elemento clave para construír un mercado laboral máis inclusivo e accesible subliñando a importancia do emprego con apoios, capaz de responder ás necesidades e capacidades de cada persoa.

Desde AEDIGAL e FADEMGA Plena inclusión Galicia agradeceron o interese amosado pola Secretaría Xeral de Emprego e valoraron moi positivamente este espazo de diálogo institucional, que permite compartir propostas e seguir avanzando cara a unha sociedade máis inclusiva, comprometida coa plena cidadanía e coa igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade intelectual.

Máis noticias

O presidente de AEDIGAL acompaña a ASPANANE na inauguración do seu novo fogar residencial pioneiro

O presidente de AEDIGAL, Eladio Fernández, acudiu á inauguración do novo Fogar Residencial de…

Ler máis

AEDIGAL participa na xornada estatal de sustentabilidade de Plena inclusión España

O presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia e de AEDIGAL, Eladio Fernández, participou o pasado…

Ler máis

FADEMGA e Plena inclusión España organizan unha xornada sobre estratexias para fortalecer as entidades sociais

FADEMGA Plena inclusión Galicia e Plena inclusión España abriron o prazo de inscrición para a…

Ler máis