Patronais e sindicatos trasladamos á Xunta propostas urxentes para estabilizar o sector da discapacidade en Galicia
Dende as organizacións do sector advertimos que o actual modelo non garante nin a calidade nin a continuidade da atención á discapacidade intelectual.
Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2025. Dende a patroal AEDIGAL, xunto á outra organización patronal do sector, IN-RED, participamos esta semana nun encontro conxunto cos representantes das organizacións sindicais CIG, UGT e CCOO, no que analizamos con preocupación a situación actual dos servizos de atención á discapacidade en Galicia.
Durante a reunión, trasladamos a nosa preocupación polo impacto económico que supón a aplicación das táboas salariais recollidas no XVI Convenio estatal da discapacidade para o período 2025-2027, e pola falta dun financiamento suficiente que permita ás entidades asumir estes custes sen comprometer a continuidade dos servizos.
Dende as patronais AEDIGAL e IN-RED, puxemos o foco tamén na dificultade crecente para captar e reter persoal cualificado, unha realidade que afecta directamente á calidade asistencial e á estabilidade dos equipos.
Reivindicamos como medidas urxentes:
- A dignificación das condicións laborais no sector.
- A mellora das retribucións, adaptándoas á realidade galega.
- A redución da alta rotación do persoal.
- A creación dun marco salarial autonómico estable, no contexto do concerto social da discapacidade, que contribúa á sustentabilidade das entidades sen ánimo de lucro.
Alertamos tamén do desaxuste existente entre as novas táboas do convenio estatal e as retribucións actuais nos centros de titularidade da Xunta de Galicia, unha situación que crea desigualdade e dificulta a competitividade das nosas entidades.
As organizacións sindicais CIG, UGT e CCOO, pola súa parte, coincidiron na necesidade de avanzar na mellora das condicións salariais e laborais das persoas traballadoras, como paso clave para fortalecer o sector.
Dúas demandas conxuntas á Xunta de Galicia
As dúas patronais e os tres sindicatos acordamos trasladar á Xunta de Galicia as seguintes peticións:
- O cumprimento íntegro do compromiso de financiamento dos incrementos salariais recollidos no XVI Convenio estatal, coa correspondente concreción dos pagos ás entidades, en cumprimento do artigo 35 da convocatoria do concerto social.
- A creación dun espazo estable de diálogo entre a Xunta de Galicia, as organizacións empresariais e os sindicatos representativos do sector, co obxectivo de analizar a viabilidade dun complemento salarial autonómico e o seu financiamento por parte do Goberno galego. Todo isto sen prexuízo de avanzar, no futuro, cara a unha negociación colectiva autonómica se se dan as condicións necesarias.
Esta declaración foi asinada en Santiago de Compostela por todas as entidades participantes, como mostra do compromiso compartido co fortalecemento do sector da discapacidade en Galicia e coa garantía dun servizo sostible e de calidade.

Máis noticias
21 de Outubro de 2026
O presidente de AEDIGAL acompaña a ASPANANE na inauguración do seu novo fogar residencial pioneiro
O presidente de AEDIGAL, Eladio Fernández, acudiu á inauguración do novo Fogar Residencial de…
25 de Setembro de 2026
AEDIGAL participa na xornada estatal de sustentabilidade de Plena inclusión España
O presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia e de AEDIGAL, Eladio Fernández, participou o pasado…
16 de Setembro de 2026
FADEMGA e Plena inclusión España organizan unha xornada sobre estratexias para fortalecer as entidades sociais
FADEMGA Plena inclusión Galicia e Plena inclusión España abriron o prazo de inscrición para a…



